Friday 17 de May de 2024

Turismo de Galicia e os concellos con entroidos de interese turístico acordan a promoción desta festa para os anos 2016 e 2017


Nava Castro reuniuse hoxe en Santiago cos representantes dos municipios onde se celebran os entroidos que contan con esta declaración

Por terceiro ano consecutivo, Turismo de Galicia e os concellos, asociacións e colectivos dos entroidos declarados de interese turístico na Comunidade galega organizarán actividades de promoción desta festa, que conta con esta distinción en Laza, Verín, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Manzaneda, Vilaboa, Maceda, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón e Padrón.

As accións de promoción quedaron perfiladas nunha reunión celebrada hoxe en Santiago e presidida pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na que participou tamén a directora de Promoción deste organismo da Xunta, Carmen Pita, e representantes municipais da meirande parte dos concellos que contan con entroidos declarados de interese turístico en Galicia.

Deste xeito, acordouse que se desenvolverán distintas accións de difusión, tanto para o Entroido 2016, que se celebrará durante a primeira e segunda semana do mes de febreiro, como para o de 2017, que contará cunha promoción especial no mes de setembro de 2016.

Difusión específica e desfile de promoción
Canto ao Entroido 2016, Turismo de Galicia ten previsto producir material promocional específico sobre o Entroido que estará dispoñible nas oficinas de Turismo da Xunta e nas municipais.

Por outra parte, na xuntanza de hoxe acordouse facer fincapé na promoción do Entroido de Galicia na feira FITUR 2016 que se celebrará no recinto Feiral Juan Carlos I de Madrid entre os días 20 e 24 de xaneiro.

No ámbito da difusión dos entroidos de Galicia en 2016, tamén se prevé a realización e distribución de material publicitarios a través dos medios de comunicación co fin de comunicar a celebración desta festa.

Entroido 2017
Ademais, na reunión celebrada esta mañá en Santiago de Compostela, Turismo de Galicia e os concellos que contan con festas declaradas de interese turístico na Comunidade galega acordaron desenvolver unha gran acción de promoción do Entroido 2017, centrada nun desfile dos personaxes de cada un dos entroidos que contan con esta distinción.

Todos os representantes municipais estiveron de acordo en que este desfile teña lugar no mes de setembro nunha cidade galega como punto de partida da promoción do Entroido 2017, que se celebrará entre os meses de febreiro e marzo.

Este será o terceiro ano consecutivo que Turismo de Galicia organiza accións de promoción específica dos entroidos de interese turístico da Comunidade galega.

No ano 2013, o departamento de Turismo da Xunta, en colaboración cos concellos, asociacións e colectivos destas festas de interese turístico, organizou un desfile e unha mostra na Praza do Obradoiro de Santiago, semanas antes da celebración do Entroido ao obxecto de difundir os valores desta festa.

O ano pasado, tamén en días previos á celebración da festa, Turismo de Galicia convocou na Cidade da Cultura de Galicia a todos os personaxes dos entroidos declarados de interese turístico, para desde alí desfilar por distintas rúas de Santiago ata converxer na Praza do Obradoiro.